Unha artesa, un tesouro,

artesourando…

Onte, fariña e pan,

para amansar as fomes do corpo.

Hoxe, verbas esquecidas,

para amansar as fomes da ialma.

Unha artesa, un tesouro,

artesourando a nosa fala.

Buscar este blog

A LEIRA

  • Substantivos ralacionados coas uvas:
-Baghazo:Restos da fabricación do viño, parte sólida das uvas despois de espremelas e que se usa para facer augardente.
-Bagho:Pel da uva que queda despois de comerlle a pulpa e o zume.
-Baghullo:Pepidas das uvas.
-Cancallo:O que queda do racimo despois de arrincarlle as uvas.
-Cacho:Racimo 
-Enlatar: Atar as polas da viña ao aramio. Mañán imos enlatar a viña.

  •  Substantivos ralacionados co millo:
 -Barbelas:Especie de pelo que lles sae as espigas na punta.
-Carozo: parte interior da espiga de millo a que vai agarrado o gran.
-Follato: Follas que recubren a espiga.

  • Aixada: Instrumento de labranza formado por unha pa de ferro por un extremo e un ollo onde se insire o mango no outro, que se usa para cavar
  •  Anciño ou onciño: Instrumento de labranza formado por un mango rematado por un pau atravesado onde van uns dentes formando unha especie de peite.
  • Arxón: Pau longo espetado na terra, que se pon na horta para que suban trepadoras ou para suxeitar plantas de talo feble. Temos que porlle os arxons os tomates que xa estan crecidos.
  • Atol: Pequeno tapón de terra que se pon nun rego para cortar a auga e desviala.
  • Bardeiro: Construcción de  herba seca que se facía na eira e que a mantiña seca todo o inverno. 
  • Cachicha: Esterco de vaca.
  • Camallón:Elevación de terra que queda entre dous regos ao labrar.
  • Cavón: Instrumento agrícola formado por un mango e tres ou catro dentes longos e curvados nun ángulo de noventa grados que serve para arrancar o esterco.
  • Correol: Herba mala que medra coma unha enredadeira polo millo arriba.
  • Cumareiro: pequeno balado de terra de menos de medio metro que separaba unha leira doutra.
  • Curro:Cuberto ao lado das cortes para meter o carro das vacas.
  •  Fouciña:Instrumento para segar que consta dunha folla curva e un mango de madeira.
  • Fouciñón:Gadaña.
  • Ghancha ou ghanchilla: Instrumento agrícola formado por un mango e tres ou catro dentes longos e algo curvados.
  • Meducho:Especie de boneco de herba verde que se facían nas leiras para que a herba secase e para protexer as sementes.
    Meduchos
  • Millaxe: Herba mala que nace polo medio das leiras de millo
  • Molle: Brazado de vides, trigo, herba seca, etc, atado
  • Reducio: Aplicado a un terreo, zona con algunha caraterística común(praga, malas herbas,...)dentro deste.
  • Sachadeira: Instrumento que se enganchaba as vacas para sachar o millo cando aínda era pequeno.
  • Xiro: Turno para regar unha leira.

 
Partes do carro- Revista Aurora nº5- Debuxo de Xuxo Malone
Sedellos: Cordas do carro.





2 comentarios:

  1. a cachicha e mais ben o esterco das galiñas

    ResponderEliminar
  2. Os meus avos, que eran do corazón do Ribeiro, chamábanlle baghos ao uvas que quedan soltas no chan ao pé das cepas cando un vendimaba os racimos. Era tarefa dos nenos o apañar os baghos.

    E tal a riqueza e variedade da nosa lingua, que seguro que noutras zonas así se lle chama á "pel da uva que queda despois de comerlle a pulpa e o zume".

    Noraboa polo traballo.

    ResponderEliminar